
De como miña avoa me aprendeu xeometría...
"Como apuro podía andar, á tardiña miña avoa sentábase a carón da lareira e ía, pouco a pouco, golpeando co seu caxato as hachas que estaban ardendo para que fora caíndo a cinza, que esparcía regularmente sobre a pedra, tamén coa axuda do bastón, ese era o seu lenzo de debuxo, logo rascaba o extremo do caxato contra a pedra para darlle forma apuntada e comezaba a debuxar sobre a cinza...
Segundo o grao de inclinación de caxato podía conseguir liñas máis finas ou máis grosas; conseguía tramas e texturas...
"Trazaba liñas rectas, curvas ou onduladas, á súa vontade, pois o pulso non lle quebraba; cadrados, rectángulos, triángulos nos que incribía un círculo; marcaba puntos que logo unía entre si facendo un complexo entramado.
"Outras veces debuxaba peixes, corazóns ou calquera outra cousa e pedíame que adiviñara de que se trataba. De cando en vez, facíame trampa, pois comezaba a trazar unha figura desde un punto inesperado e finalmente resultaba algo completamente distinto do que eu pensaba.
"Cando unha figura estaba completa, despois de comtemplala uns intantes, facíaa desaparecer pasándolle o extremo do caxato por enriba...
"Tamén me aprendeu a coñecer as letras e logo as sílabas e as palabras do mesmo xeito.